Levamos meses escoitando falar dos sensores de pegadas dixitais detrás da propia pantalla do smartphone, e finalmente o primeiro produto deste tipo chega ao mercado, pois xa pode mercarse o Vivo X20 Plus UD en China a un prezo de 3598 iuans (458 euros), o que deixa claro que estamos ante un dispositivo que busca competir cos grandes smartphones doutros fabricantes.
Este interesante teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660, 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), a súa batería ten unha capacidade de 3.905 mAh, na súa parte traseira presume de dobre cámara de 12 Mpíxeles, a cámara frontal confórmase cun sensor de 5 Mpíxeles, pero o punto forte deste smartphone sería a súa pantalla de 6,43 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles tras a que se agocha un lector de pegadas dixitais que serve para desbloquear o terminal, aínda que tamén conta con software de recoñecemento facial para facer o mesmo.
Non parece que vaiamos ver este produto nos mercados internacionais, pero a tecnoloxía de lectura de pegadas dixitais si poderán empregala outros fabricantes, aínda que neste modelo detectaron que o sensor podería ter algún pero: a detección de pegadas non parece levarse ben con protectores de pantalla.
Chega ao mercado o primeiro smartphone con lector de pegadas en pantalla
Compartir Este Artigo

