De xeito un tanto anticipado desvelouse en YouTube o vídeo que dá conta dos Xogos con Gold do mes de maio, de xeito que xa coñecemos os títulos que recibirán os usuarios Gold de Xbox LIVE durante o mes que vén, que son unha selección bastante atractiva, especialmente por incluír entre os xogos retrocompatibles de Xbox 360 a Vanquish, que é unha das xoias de Platinum Games que non conta con versión para consolas da actual xeración, e que agora vai chegar a moitos xogadores que non gozaron del no seu día. Vanquish foi unha das incorporacións ao programa de xogos retrocompatibles máis celebradas dos últimos meses, e a súa grande difusión a través de Games with Gold podería considerarse que fará xustiza cun xogo que non merece quedar no esquecemento.
O outro xogo retrocompatible de maio será SEGA Vintage Collections: Streets of Rage, que recolle as tres primeiras entregas dun dos grandes referentes dos beat’em up de primeiros dos anos 90, Streets of Rage, xogo que marcou unha época e do que probablemente veremos pronto unha adaptación audiovisual.
No que respecta a xogos de Xbox One, durante todo o mes teremos dispoñible Super Mega Baseball 2, título independente de Metalhead Software que achegaranos ao mundo do béisbol; e a partires do día 16 o xogo que poderá incorporarse á colección dos subscritores Gold será Metal Gear Solid V: The Phantom Pain, que foi a culminación da saga de Metal Gear Solid, e que estivera precedido por Metal Gear Solid V: Ground Zeroes (xogo incluído entre os Xogos con Gold de outubro de 2015).
Vídeo no que anuncian os Xogos con Gold de maio
