Dende que conta con modo battle royale o xogo Fortnite converteuse no fenómeno da tempada, cun impresionante éxito en ordenadores persoais, Xbox One, PlayStation 4 e iOS, que fai que os usuarios de Android estean impacientes de recibir o xogo (previsto para a súa plataforma no verán), pero esta non sería a última plataforma á que chegaría o xogo, xa que parece moi probable que durante a feira E3 anuncien o lanzamento do xogo para Nintendo Switch, xa que o xogo vén de aparecer listado nunha páxina web de cualificación de xogos en Corea do Sur.
Realmente a conversión de Fortnite a Nintendo Switch non é ningunha sorpresa, xa que se o xogo pode adaptarse a un teléfono resulta bastante evidente que unha versión para a última consola de Nintendo era só cuestión de tempo, polo que agora o que queda por saberse son as condicións de tal posible lanzamento. Cando chegará ao mercado? Estará dispoñible só en formato descargable? Probablemente nunha semana sairemos de dúbidas.
Fortnite podería chegar en breve a Nintendo Switch
Compartir Este Artigo
