Nintendo vén de publicar os seus resultados financeiros correspondentes ao segundo trimestre do ano, confirmando a boa saúde da Nintendo Switch, consola que está a superar sobradamente á súa predecesora, a Wii U. A compañía nipoa tamén deu conta das vendas dalgúns lanzamentos do pasado trimestre, no que Donkey Kong Contry: Tropical Freeze vendeu 1,4 millóns de unidades, Mario Tenis Aces vendeu 1,38 millóns de unidades (e iso que saíu no mes de xuño) e incluso Nintendo Labo conseguiu colocar 1,39 millóns de unidades en todo o mundo (pese ás críticas iniciais que apuntaban que o produto de cartón era demasiado caro).
Nun plano máis secundario quedan outras consolas como a familia Nintendo 3DS, que no seu 8º ano vendeu 0,36 millóns de unidades e 2,95 millóns de xogos (a metade que o ano pasado) dando a impresión de que a Nintendo Switch está a tomar o relevo de xeito conxunto tanto da Wii U como da 3DS ao poder funcionar como consola doméstica e portátil. Tamén foron importantes as vendas do relanzamento da NES mini, que vendeu 1,26 millóns de unidades pese a non estarmos na campaña de Nadal, confirmando o atractivo deste tipo de produtos retro.
No ámbito dixital, Nintendo facturou 18.500 iens en descargas para Nintendo Switch e 9 mil millóns de iens nos seus xogos para dispositivos móbiles (Super Mario Run, Fire Emblem Heroes e Animal Crossing: Pocket Camp).
Este balance de Nintendo tamén serve para saber cal é o seu parque actual de consolas, de xeito que a 30 de xuño temos que o número de unidades de Nintendo Switch sería de 19,67 millóns de unidades, acompañadas por 86,93 millóns de xogos vendidos, volume realmente notable se temos en conta que a consola levaría só 16 meses no mercado e a súa predecesora, a Wii U, en 5 anos só tería vendido 13,56 millóns de consolas e 102,28 millóns de xogos.
Se analizamos os xogos, resulta evidente que en Switch están a arrasar as franquías de Nintendo, con Super Mario Odyssey vendendo 11,17 millóns de copias dende o seu lanzamento, Mario Kart 8 Deluxe con 10,35 millóns de copias e The Legend of Zelda: Breath of the Wild con 9,32 millóns de copias. En cuarta posición en vendas conseguiuse coar unha franquía relativamente nova, xa que Splatoon 2 conseguiu vender 6,76 millóns de unidades, o que ten especial mérito por ser basicamente un port da versión de Wii U, polo que a serie aínda podería dar moitas sorpresas no futuro e converterse no grande xogo competitivo que Nintendo persegue.
A Nintendo Switch chega aos 20 millóns de consolas vendidas
Compartir Este Artigo

