Para celebrar que xa se venderon máis de 500 millóns de consolas PlayStation, dende Sony decidiron sacar unha edición limitada conmemorativa da PlayStation 4 Pro, con só 50.000 unidades para todo o mundo, que en Europa estará dispoñible por 499 euros a partires do 24 de agosto, co que teremos unha PS4 Pro con 2 TB de disco duro cunha carcasa de cor azul escuro translúcido que permite ver parcialmente o seu interior cando a luz de alimentación está acesa. Tamén conta cunha placa de cobre no seu frontal coa súa numeración limitada.
Inclúe un mando DUALSHOCK 4 co mesmo deseño azul escuro translúcido co símbolo de PlayStation en cobre, uns auriculares mono, un soporte e unha PlayStation Camera, todo a xogo.
Este último mando tamén poderá mercarse por separado nalgúns mercados por 64 euros e, para os que queiran ir un paso máis adiante, a partires do 11 de outubro poden facerse por 89 euros cunha versión dos auriculares sen fíos Gold 500 con esta mesma estética.
Cómpre detallar que para o reconto de consolas PlayStation súmanse as unidades vendidas das catro xeracións de PlayStation domésticas e as distintas consolas portátiles de Sony.
Vídeo promocinal da PS4 Pro que celebra os 500 millóns de consolas PlayStation
