Hai pouco máis dun mes Google insistía no feito de que para que as empresas poidan manter unha maior seguridade na Rede é convinte empregar chaves de seguridade como a Titan Security Key, que conta cun firmware desenvolvido por Google, e que segundo a compañía de Mountain View reduciu os casos de phishing entre os seus traballadores a 0.
Para facer máis accesible esta tecnoloxía de verificación en dous pasos para protexer as nosas contas en liña veñen de pór á venda por 50 dólares na súa tenda en liña estadounidense un lote con dúas Titan Security Key: unha cun porto USB-A e outra con conectividade Bluetooth. Esta última estaría pensada para poder empregar esta tecnoloxía en dispositivos móbiles.
Estas chaves de seguridade físicas funcionan con principais navegadores web e en aplicacións que soportan os estándares FIDO (como Gmail, Facebook, Twitter, Dropbox…). Nas contas podemos activar a verificación en dous pasos, e de termos engadido a chave ás nosas contas, en vez de remitirse un e-mail ou unha mensaxe de texto ao móbil como xeito de verificar a nosa identidade tras introducir o noso contrasinal, pedirásenos conectar a chave física ao noso dispositivo en uso, o que supón unha medida de seguridade bastante máis rigorosa.
Aínda que para a meirande parte de usuarios este tipo de precaución pode parecer excesiva, dentro da empresa ou para usuarios de certo risco (p.ex., por ter cargos de responsabilidade ou ser celebridades) o emprego dunha chave física dificulta extraordinariamente a súa suplantación.
Estas chaves físicas de Google véndense polo momento só nos EE.UU., pero a intención da compañía é levalas ao resto do mundo en breve.
Google pon á venda chaves físicas para protexer as nosas contas en liña
Compartir Este Artigo

