Nun momento no que os smartphones compiten pola pantalla máis grande, hai compañías que móvense na dirección contraria, e queren ofrecer produtos compactos para atender a unha demanda reducida, pero existente. Temos así que NTT DoCoMo vai pór á venda o mes que vén no Xapón un teléfono fabricado por Kyocera cunha dimensións semellantes ás dunha tarxeta bancaria (aínda que cun grosor de 5,3 milímetros).
O teléfono KY-O1L é un terminal cunhas dimensións de 91 x 55 x 5,3 milímetros, 47 gramos de peso e pantalla de tinta electrónica de 2,8 polgadas, cunha batería de 380 mAh (que permitiría ata 100 horas en espera e 110 minutos en chamadas) e capaz de visualizar páxinas web tirando proveito da súa conectividade Wi-Fi ou LTE (cunha velocidade de descarga de ata 100 Mbps e de subida de ata 37,5 Mbps). O cerebro deste trebello é un procesador propio de dispositivos wearables, un Qualcomm Snapdragon Wear 2100 con 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento. Tamén conta con Bluetooth para facilitar a transferencia dos contactos doutro teléfono.
Pese a estarmos ante un produto de funcionamento moi básico, resulta sumamente exclusivo, polo que o seu prezo non está ao alcance de calquera, xa que venderase a 32.000 iens (247 euros), cantidade que pouca xente está disposta a pagar por un teléfono sen funcionalidades avanzadas.
O novo teléfono de Kyocera visto en acción

