Esta semana chega ao mercado chinés un dos smartphones que vai polo camiño da tendencia que imperará en 2019, o Honor V20, que presenta unha pantalla IPS Full HD+ de 6,4 polgadas cun orificio nunha esquina para albergar a súa cámara frontal de 25 Mpíxeles con apertura f/2.0. No que se refire á cámara traseira, temos unha curiosa configuración, xa que o sensor Sony de 48 Mpíxeles con apertura f/1.8 en vez de apoiares nunha segunda cámara ordinaria opta por un sensor 3D TOF que facilita o enfoque veloz e contribúe a realizar bos efectos de desenfoque.
O Honor V20 funciona cun procesador Kirin 980 a 2,60 GHz, cunha gráfica Mali G76 MP10, está equipado con 6/8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD). Tamén conta con Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 (compatible con AptX e AptX HD) e unha xenerosa batería de 4.000 mAh con cargar rápida por USB-C.
Este interesante terminal, que proximamente chegará ao noso mercado, está dispoñible en China por 2.999 iuans (382 euros) no seu modelo con 6 GB de RAM, mentres que con 8 GB de RAM o prezo sube ata os 3.499 iuans (445 euros), prezos que deixan claro que non estamos ante un auténtico buque insignia da marca Honor.
O Honor V20 integra cámara traseira de 48 Mpíxeles e cámara frontal nun orificio na pantalla
Compartir Este Artigo

