Microsoft continúa a facer unha selección potente de títulos dentro dos seus Xogos con Gold, e para o mes de abril anuncian que teremos, de saída, a aventura de rol The Technomancer, que sitúanos no planeta Marte, onde tomaremos o rol dun mago guerreiro con poderes eléctricos destrutivos, amplificados por implantes cibernéticos, que está a piques de rematar o seu adestramento como technomancer.
Neste xogo para Xbox One poderemos desenvolver catro árbores de habilidades e empregar tres estilos de loita, así como os potentes poderes eléctricos. Aparte da forza bruta, tamén haberá que establecer diálogos que afectarán ao desenvolvemento da historia e será posible crear equipamento, así como armas e armaduras para o protagonista e os aliados que o acompañen nesta aventura.
O outro xogo co que comezará o mes será o clásico Star Wars Battlefront II, título da primeira Xbox que poderemos gozar agora grazas á retrocompatibilidade e que destaca fronte a Star Wars Battlefront por incorporar un combate espacial totalmente novo e numerosos detalles sacados directamente do Episodio III cinematográfico.
A partires do día 16 será posible facerse con Outcast – Second Contact para Xbox One e Tom Clancy’s Ghost Recon Advanced Warfighter 2 de Xbox 360 (retrocompatible con Xbox One), de xeito que por unha banda temos o remake do primeiro xogo 3D de mundo aberto da historia dos videoxogos (Outcast) e, por outra, o quinto episodio da serie de xogos Ghost Recon de Ubisoft, que recibirán cos brazos abertos os amantes dos shooters tácticos.
The Technomancer encabeza os Xbox con Gold de abril
Compartir Este Artigo

