Dende Samsung levan un tempo promovendo formatos innovadores para os televisores de consumo, de xeito que na súa familia de televisores QLED 4K/8K podiamos ver o The Frame, que simula ser un cadro pendurado na parede, e a liña Serif lifestyle, que incorpora patas e conta cun deseño bastante sorprendente, obra dos irmáns Ronan e Erwan Bouroullec (dous dos deseñadores industriais máis afamados do mundo, e especializados en mobiliario).
Pero agora móvense cara a un produto aínda máis revolucionario, co novo televisor The Sero, que cun panel QLED de 43 polgadas sorprende por estar integrado nun soporte que facilita o xiro da pantalla en 90 graos, de xeito que podería resultar cómodo para o goce de contidos de Instagram e outros formatos de vídeo deseñados para dispositivos móbiles.
En horizontal The Sero é un televisor normal é corrente, con son 4.1, altofalantes de 60 watts, control mediante Bixby e resolución 4K, resultando toda unha incógnita se o seu uso en vertical terá o suficiente pulo como para xustificar os 1,9 millóns de wons (1.465,49 euros) que custará o trebello cando chegue ás tendas coreanas a finais de maio.
Samsung presenta un televisor que pode xirarse 90 graos
Compartir Este Artigo

