Para os usuarios que buscan un smartphone económico cunha experiencia de Android o máis pura posible chega unha nova opción ao mercado, o Moto E6, que estes días sae á venda nos EE.UU. a un prezo de 149,99 dólares (en breve chegará a Europa a un prezo igual de axustado) e ofrece un funcionamento solvente e unha versión recente de Android (con actualizacións garantidas), de aí que sexa un produto que será ben recibido pese a ser bastante básico.
O Moto E6 chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 435 de 8 núcleos, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 256 GB), pantalla IPS de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.440 x 720 píxeles, cámara traseira de 13 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles, radio FM e batería de 3.000 mAh (que aseguran que é dabondo para operar todo o día).
Cómpre advertir que estamos ante un dispositivo que, por ser económico, ten algunhas carencias, como carga a 5 watts por un porto microUSB (algo difícil de xustificar en 2019), ausencia de NFC e Wi-Fi N (en vez de Wi-Fi AC), pero probablemente acade uns prezos en poucos meses (o seu modelo anterior pode conseguir actualmente por uns 119 euros) que fará que esas eivas poidan perdoarse facilmente.
Vídeo promocional do Moto E6

