LG presenta hoxe un par de monitores de alta calidade deseñados especificamente para os últimos produtos de Apple, sendo compatibles con Mac e incluso con iPad Pro, o que agradecerán profesionais que precisen de pantallas de alta densidade no escritorio.
Por unha banda temos o monitor UltraFine 5K de 27 polgadas (modelo 27MD5KL), á venda por 1.399 euros; e por outra temos o monitor UltraFine 4K de 24 polgadas (modelo 24MD4KL), á venda por 749 euros. Estas pantallas da serie UltraFine ofrecen unha grande calidade de imaxe e soportan Thunderbolt 3 e USB-C, de aí que poidan empregarse en combinación cos últimos MacBook e iPad Pro, o que resulta especialmente interesante no caso do monitor UltraFine 5K, que ten 94 watts de potencia é capaz de cargar tamén portátiles e tabletas por USB-C.
O monitor UltraFine 5K ten unha gama cromática ampla (P3), un brillo de 500 nits e presenta unha resolución de 218 píxeles por polgada. A súa resolución total de 5.120 x 2.880 píxeles permite amosar contidos con grande nivel de detalle, así como amosar diferentes fiestras e ferramentas de xeito simultáneo sen perder detalle. Tamén integra altofalantes estéreo, cámara e micrófono, o que abre numerosas posibilidades.
Dado que estamos ante un monitor destinado a un público profesional, non lle faltan detalles como permitir a súa regulación en altura e inclinación e incluso é compatible con Touch Bar e o teclado do MacBook Pro para poder controlar o seu volume e brillo dun xeito áxil.
O monitor UltraFine 4K ten unha pantalla de 23,7 polgadas, e tamén presenta unha gama cromática ampla (P3) e un brillo de 500 nits, pero o seu tamaño máis reducido fai que a súa resolución quede en 3.840 x 2.160 píxeles. Integra altofalantes estéreo, permite axustar o seu brillo e volume a través de macOS (prescindindo así do uso de botóns físicos) e tamén pode cargar dispositivos por USB-C, aínda que desta volta a súa potencia queda en 85 watts.
LG presenta un par de monitores para os últimos produtos de Apple
Compartir Este Artigo

