Esta mañá Xiaomi presentou en Madrid un novo smartphone de gama media que busca converterse no supervendas dos vindeiros meses polo seu grande equilibrio entre prestacións e prezo, o Redmi Note 8T, que chegará cun procesador Qualcomm Snapdragon 665, ata 4 GB de RAM, ata 128 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD+ de 6,3 polgadas, protección Corning Gorilla Glass 5 por diante e por detrás, protección contra salpicaduras, conector de auriculares, boas cámaras, unha batería de 4.000 mAh con carga rápida a 18 watts e un detalle pouco frecuente nos smartphones de fabricación chinesa máis económicos: conectividade NFC para a realización de pagamentos móbiles.
No que ás cámaras se refire, ten unha cámara traseira cuádrupla con sensores de 48, 8, 2 e 2 Mpíxeles e unha cámara frontal de 13 Mpíxeles capaz de tomar selfies panorámicos. Tamén conta con modo retrato baseado en intelixencia artificial, o seu modo macro pode enfocar a só 2 centímetros de distancia, inclúe un modo nocturno (que dispara instantáneas de 12 Mpíxeles para conseguir unha boa luminosidade en malas condicións de luz) e incluso presume de cámara lenta na gravación de vídeo.
Falamos dun móbil moi atractivo, que o vindeiro venres sairá á venda en España en tres cores (azul estelar, branco lunar e gris medianoite) na súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento a un prezo de 199 euros. Máis adiante haberá tamén unha versión con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento por 179 euros e outra con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 249 euros.
O Redmi Note 8T incluirá cámara cuádrupla e NFC
Compartir Este Artigo

