Os The Game Awards, premios que algúns queren considerar como os Oscars dos videoxogos, non teñen moita relevancia polos galardóns entregados durante a súa gala, senón polas presentacións que se fan na mesma, e na edición deste ano a sorpresa chegou da man de Microsoft, que non quixo agardar ao ano que vén para presentar a súa vindeira xeración de consolas, amosando o deseño que terá a futura Xbox Series X.
A futura consola de Microsoft chegará a finais de 2020 co xogo Halo: Infinite a xeito de estandarte, e suporá un importante salto en potencia e concepto fronte ás anteriores consolas, pero mantendo un alto nivel de retrocompatibilidade, de xeito que actualizar a Xbox non resultará traumático nin comezar de tabula rasa como acontece con outras consolas.
Nos últimos meses xa adiantaran detalles sobre o novo Xbox Wireless Controller que acompañará á Xbox Series X, pero que o deseño da máquina sexa semellante ao dunha torre informática sorprendeu a moitos, aínda que responsables de Microsoft non tardaron en advertir que non será obrigatorio colocar a consola en vertical.
A Xbox Series X non só ofrecerá gráficos 4K a 60 imaxes por segundo como algo normal, senón que tamén abrirá as portas a xogos ata a 120 imaxes por segundo ou a gráficos en 8K; o seus sistema gráfico permitirá introducir á consola Xbox na realista tecnoloxía de ray tracing; e o uso de unidades SSD tamén reducirá drasticamente os tempos de carga, tanto para iniciar as partidas como para cando nos movemos dentro de grandes escenarios (de xeito que a carga de contidos non chegaría a percibirse polo xogador).
Microsoft aproveitou a presentación para anunciar tamén o xogo Senua’s Saga: Hellblade II, secuela de Hellblade: Senua’s Sacrifice de Ninja Theory, que procurará aproveitar ao máximo as posibilidades da Xbox Series X. Aínda que non todos os anuncios son a tan longo prazo, e tamén deron conta de que Gears Tactics, xogo de estratexia por quendas ambientado na saga de Gears of War, chegará a PC o 28 de abril tanto na Windows Store como en Steam.
Vídeo de presentación da Xbox Series X

