A plataforma de xogo na nube de Google tivo unha estrea irregular, que levou a que os subscritores de Stadia Pro recibisen un total de 4 xogos como recompensa (Destiny 2, Samurai Shodown, Farming Simulator 19 e Tomb Raider), e semella que esta fórmula para compensar o pouco que ten aínda que ofrecer a plataforma continuará nos vindeiros meses, pois veñen de anunciar que a partires do 1 de xaneiro os subscritores recibirán os xogos Rise of the Tomb Raider: 20 Year Celebration (o segundo xogo da nova serie de Lara Croft) e o xogo rítmico Thumper (título independente de hai máis de 3 anos).
Tomb Raider: Definitive Edition poderá reclamarse ata o 31 de decembro, e Destiny 2: The Collection, Samurai Shodown e Farming Simulator 19 ata o remate de xaneiro, dando a impresión de que Stadia Pro terá un funcionamento moi semellante a Xbox LIVE Gold e PlayStation Plus, de xeito que permitirá incorporar xogos á colección dos usuarios mentres paguen a subscrición, aos que perderán o acceso se deixan de pagar mensualmente. Tamén parece que Google seguirá a mesma estratexia de ofrecer grandes xogos aos seus subscritores só en momentos puntuais, de xeito que haberá que afacerse a títulos pouco relevantes (na liña de Thumper), pois non podemos esquecer que Stadia Pro non se centra nos xogos incluídos, senón na potencia que ofrece ao xogador á hora de xogar na nube (sendo unha interesante opción para quen queira gozar de xogos en resolución 4K sen ter que adquirir unha consola ou ordenador de alta gama).
Desvelan os xogos que incluirá Stadia Pro en xaneiro
Compartir Este Artigo

