En outubro dende Riot Games anunciaron unha chea de novos xogos para celebrar o 10º aniversario de League of Legends (LoL), entre os que figuraba Legends of Runeterra, xogo de naipes de estratexia no que hai que elixir campións e combinar cartas de diferentes rexións para construír un mazo que sirva para enfrontarse ao doutros xogadores (ou da intelixencia artificial) no que podemos considerar como unha alternativa ao célebre Hearthstone, e que xa podemos descargar de balde para Android e para iOS. Tamén é posible xogar a este título dende o ordenador, e en calquera das plataformas existe xogo cruzado, de xeito que podemos empregar o equipo que nos resulte máis cómodo para botar partidas nas que demostrar a nosa astucia.
Estamos ante un xogo de balde, que inclúe compras na aplicación, que como é habitual neste tipo de xogos consisten na adquisición de naipes directamente na tenda integrada no xogo (para a que podemos empregar moedas virtuais que mercar con cartos reais).
Co lanzamento para móbiles de Legends of Runeterra o xogo incorpora máis de 120 naipes novos, 11 novos campións, 2 gardiáns novos, un novo taboleiro e 10 novas emoticonas, deixando claro que estamos ante un título moi vivo, que buscará captar a atención dos seareiros deste tipo de xogos a longo prazo, aproveitando o reclamo dunha franquía tan potente como a de LoL.
O xogo de naipes Legends of Runeterra estrea versión para móbiles
Compartir Este Artigo

