A nova xeración de consolas non só mudará o seu hardware, senón que este tipo de renovacións tamén son momentos ideais para a actualización das inferfaces de usuario, e así o pensa facer Microsoft coa Xbox Series X, da que están a ofrecer unha ollada anticipada ao que serán as súas pantallas de inicio, ou a súa nova aplicación móbil, chegando tamén estas novidades á actual xeración de consolas.
A nova interface de Xbox ofrecerá texto máis lexible; formato en mosaico e fontes consistentes, así como un estilo de ilustración renovado que será o mesmo en todas as experiencias de Xbox (consola, PC e móbil); os tempos de carga reduciranse na pantalla de inicio, tanto ao acender a consola como ao regresar ao inicio dende un xogo; e os grupos e os chats estarán localizados nunha pestana única na guía das consolas Xbox para ofrecer unha vista máis global do que está a acontecer con amigos e comunidades.
Este tipo de redeseño busca principalmente conseguir unha experiencia de uso uniforme entre dispositivos, e facilitar o uso das moitas posibilidades que teñen as consolas actuais e as súas plataformas en liña, que son tan amplas que fan doado que un usuario se perda, de aí que a súa optimización resulte crucial deixar un bo sabor de boca.
Vídeo no que explican os cambios nos que están a traballar para a interface de uso das consolas Xbox

