Zynga conseguiu que FarmVille, o xogo popularmente coñecido como a granxa de Facebook, fose todo un fenómeno durante anos, liderando a plataforma de xogos de Facebook entre agosto de 2009 e decembro de 2010, ata que colleu o seu relevo CityVille, un xogo claramente inspirado neste título.
O concepto da granxa na que cultivar, recoller e incluso criar animais deu pé a toda unha serie de xogos semellantes de distintas franquías, de xeito que puidemos ver claros clons con marcas como os Pitufos ou os Simpson, deixando clara a influencia de FarmVille, xogo que finalmente di adeus aos seus seareiros, por un motivo básico: o 31 de decembro Facebook eliminará da súa plataforma de xogos todos os títulos baseados na tecnoloxía Flash de Adobe, xa que a propia Adobe deixará de dar soporte de Flash para todos os navegadores web.
Zynga prepara xa o peche do seu célebre xogo, advertindo que o 17 de novembro pechará o sistema de compras dentro da aplicación, mantendo o xogo activo ata o remate do presente ano e lembrando que non só seguen activos títulos como FarmVille 2, FarmVille 2: Tropic Escape e FarmVille 2: Country Escape, senón que tamén están a preparar FarmVille 3 para móbiles (en probas dende o ano pasado para Android e para iOS).
Adeus á granxa de Facebook
Compartir Este Artigo

