O pasado mes de abril chegou a ordenadores persoais o xogo Gears Tactics, título de estratexia por quendas ambientado no universo da franquía Gears of War, aínda que nun tempo 12 anos anterior á primeira entrega da saga principal, de xeito que podemos ver como foron os momentos nos que as cidades do planeta Sera comezaron a sucumbir ante a ameaza da horda Locust.
Gears Tactics permítenos controlar un escuadrón que deberemos mellorar e equipar ao longo de misións para poder superar as agresivas batallas rápidas contra inimigos case imparables e con xefes xigantescos que mudan por completo a escala da batalla.
Aínda que este tipo de xogos son máis propios de PC, dende Microsoft consideraron axeitado levalo a consolas, de xeito que agora podemos gozar de Gears Tactics en Xbox One e incluso está optimizado para Xbox Series X/S. O xogo inclúe Xbox Play Anywhere (ou sexa, que podemos xogalo indistintamente en PC ou consola se o adquirimos a través da tenda dixital de Microsoft) e os seus controis están adaptados tanto a mando como a consola e teclado, permitindo esta última opción de manexo tamén a consolas.
Ao estarmos ante un xogo de Xbox Games Studios, aparte de adquirilo por 69,99 euros, está incluído dentro de Xbox Game Pass, claramente a opción máis atractivo para achegarse a un título que non convencerá necesariamente a todos os seareiros da franquía, por afastarse da acción en terceira persoa que caracterizaba ás aventuras de Marcus Fenix.
Tráiler de lanzamento da versión para consolas Xbox de Gears Tactics

