No evento de presentación do novo Mi 11 dende Xiaomi deron conta dun produto que o complementa moi ben, o Mi AIoT Router AX6000, o que definen como un router premium con soporte de Wi-Fi 6 que presume de ofrecer ata 6.000 Mbps de velocidade de transmisión sen fíos (4.804 Mbps na banda dos 5 GHz e 574 Mbps na banda dos 2,4 GHz) e de ser o primeiro router con soporte da tecnoloxía QAM 4K que consegue mellorar a velocidade nun 20%.
Este novo router tamén conta cun porto Ethernet a 2.500 Mbps (así como 3 portos máis a 1 Gbps), 6 amplificadores de sinal independentes e compatibilidade con redes de malla.
Pese a todas as bondades do Mi Router AX6000, o seu prezo de venda queda en só 599 iuans (75 euros), converténdose nun produto moi atractivo para fogares con moitos dispositivos conectados, que así poden aproveitar ao máximo a banda larga que teñan dispoñible, algo especialmente complicado a través de conexións sen fíos.

