A presentación dos resultados financeiros de Sony para o terceiro trimestre fiscal de 2020 (que rematou o pasado 31 de decembro) desvelou interesantes datos, como o feito de que conseguiron pechar o ano con 4,5 millóns de consolas PlayStation 5 vendidas, cantidade moi inferior do que poderían chegar a vender, pero que estivo limitada pola capacidade de produción das novas consolas de videoxogos, que durante a primeira metade de 2021 continuarán a ter poucas existencias, xa que parte dos seus compoñentes limitan seriamente a súa produción.
Pero un inicio lento da nova xeración de consolas non debería preocupar demasiado a Sony, xa que así a sensación de produto de dispoñibilidade limitada incrementa o desexo de adquisición da PS5 e a percepción do seu valor, á vez que se espera que cada día vaian reducíndose os custos de produción, que actualmente levan a que Sony perda cartos con cada consola vendida, como xa aconteceu con outros lanzamentos de consolas, procurando recuperar estas perdas coa venda de accesorios e xogos.
Pese a estarmos no momento do nacemento dunha nova xeración de consolas, Sony conseguiu vender tamén 1,4 millóns de unidades da PlayStation 4 e, en conxunto, a compañía nipoa pode presumir de ter acadado o mellor trimestre fiscal da historia na súa división de videoxogos cunhas vendas por valor de 883.200 millóns de iens (6.998 millóns de euros).
Importante actualización da PlayStation 5
Pero os usuarios da PlayStation 5 estarán menos interesados nas contas de Sony que na última actualización de sistema da súa consola, a versión 20.02-02.50.00 incluíron a corrección dun problema bastante molesto: cando un usuario instalaba na PS5 un xogo de PS4 dende disco, na consola almacenábase tanto a versión actualizada a PS5 como a vella versión para PS4, o que era un claro desperdicio innecesario de espazo no disco interno da consola.

