As redes domésticas sen fíos demandan cada vez mellores conexións, non só no que a velocidades punta se refire, senón moi especialmente a nivel de cobertura e estabilidade, para o que xogarán un rol importante as comunicacións a través de W-Fi 6E, tecnoloxía da que Linksys puxo estes días á venda o router Hydra Pro 6E e tamén o sistema de Wi-Fi en malla Atlas Max 6E, produtos que fan uso da banda dos 6 GHz, o que supón unha importante mellor nun momento no que as bandas máis habituais están moi saturadas.
O Linksys Hydra Pro 6E é un potente router tribanda capaz de manexar ata 55 dispositivos a un tempo, que co uso da banda dos 6 GHz consegue velocidades de ata 6,6 Gbps e que conta con compatibilidade coas redes Wi-Fi en malla (o que pode ser de axuda para combinar varios dispositivos e así reducir as zonas de baixa cobertura no fogar). Tamén integra un porto WAN de 5 Gbps, de xeito que estamos ante un trebello máis que preparado para a Internet dos vindeiros anos. Este router véndese nos EE.UU. a un prezo de 499,99 dólares.
Por outra banda, a solución de Wi-Fi en malla Linksys Atlas Max 6E tamén usa as comunicacións na banda dos 6 GHz para mellorar considerablemente as velocidades de conexión (promete ata 8,4 Gbps), inclúe conector WAN de ata 5 Gbps e tamén conta cun porto USB 3.0 por se queremos compartir algunha unidade de almacenamento en rede. Estamos ante unha das mellores solucións deste tipo no mercado, e precisamente por iso o seu prezo nos EE.UU. é de 1.199,99 dólares no seu modelo con 3 unidades, polo que non serán moitos os escenarios nos que vaia empregarse, pero permite ter un referente de ata onde poden chegar este tipo de solucións de comunicacións sen fíos.
Linksys pon á venda as súas primeiras solucións Wi-Fi 6E
Compartir Este Artigo

