Aida Fernández Ríos no seu ingreso na RAGCA Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra continúan este xoves, 3 de xuño, coa celebración do II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos. O certame é de balde e está destinado a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, ademais de impulsar o labor científico levado a cabo en Galicia. O II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos consta de dous bloques, un primeiro con dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos entre abril e xullo, e un segundo bloque con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022, de setembro a decembro. Así, a deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial da Deputación de Pontevedra, Ana M.ª Mejías, vai a inaugurar a cuarta xornada do ciclo, moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez. O acto celebrarase ás 19:00 horas no salón de plenos do Pazo Provincial de Pontevedra, pero tamén emitirase por streaming. Xoana PintosA primeira charla, titulada Mulleres na ciencia, mulleres na sombra, estará impartida pola doutora en Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Xoana Pintos, especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico. Segundo a doutora, “a historia e a construción da ciencia moderna fundamentouse nos piares da inxustiza, da desvalorización e da ocultación dun grande número de mulleres científicas. Por iso, ten que ser revisada, debendo saír á luz as achegas nas diferentes disciplinas científicas, nun traballo de visibilización”. Nesta actividade, Xoana Pintos fará un repaso pola presenza feminina nos ámbitos científicos, con especial énfase nos universitarias, revisando o papel das mulleres galegas desde o momento no que se permitiu o seu acceso aos estudos superiores. Ademais, citará á figura da médica, docente e xenetista, Jimena Fernández de la Vega, nomeada Científica Galega do Ano 2021 pola RAGC. Carmen GonzálezA segunda charla da xornada tratará sobre Aida: máis que Ciencia. Esta actividade levarana a cabo Carmen González Sotelo, investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas de Vigo, e Gabriel Rosón, catedrático da Área de Física da Terra da Universidade de Vigo. En xeral, consistirá nunha semblanza de Aida Fernández Ríos (doutora en bioloxía e oceanografía pola UVIGO, considerada unha das principais expertas de Europa na relación entre as emisións de dióxido de carbono de orixe antropoxénico e o aumento da acidez na auga do mar), tanto desde o punto de vista persoal como científico, sobre todo en temas relativos á acidificación oceánica. O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias xa está aberto na páxina web da Deputación de Pontevedra. Despois de acudir, os participantes poderán solicitar o certificado de asistencia.