Despois de que Microsoft anuncias ea compra de Activision Blizzard por 68.700 millóns de dólares esperábase que dende a división de videoxogos de Sony fixesen algunha operación semellante en resposta, e hoxe chéganos o anuncio de que Sony Interactive Entertainment acorda a compra de Bungie, estudio responsable da franquía Destiny e das primeiras entregas da saga Halo, nunha operación valorada en 3.600 millóns de dólares, o que está moi lonxe da adquisición feita por Microsoft, pero axuda a equilibrar a balanza da guerra de consolas que promete vivirse unha vez que se normalice a súa distribución na actual xeración.
Polo momento Bungie manterá a súa independencia e continuará a desenvolver e publicar os seus propios xogos, ou sexa, que Destiny 2 continuará a ser un grande xogo multiplataforma, de xeito que a curto prazo o mercado dos videoxogos non acusará esta adquisición, e aínda que agora aseguren que Bungie non está a traballar en xogos exclusivos, resulta evidente que terán algún tipo de favoritismo con PlayStation a longo prazo.
Cómpre salientar que o presidente de Sony Interactive Entertainment, Jim Ryan, recoñeceu nunha entrevista que dende PlayStation preparan novas adquisicións.
Bungie intégrase en Sony Interactive Entertainment
Compartir Este Artigo

