Inspirado en xogos como Bubble Bobble, en 1990 chegou aos salóns recreativos Snow Bros., un grande éxito que agora anuncia o seu retorno como Snow Bros. Special, unha adaptación do xogo orixinal que principalmente renova o seu apartado gráfico para que luza dignamente na pantalla da Nintendo Switch.
Este novo xogo, como acontecía na súa versión para recreativas, pode gozarse tanto de xeito individual como no seu modo cooperativo para dous xogadores, no que os irmáns Nick e Tom aparecerán simultaneamente en pantalla para ter máis oportunidades para superar cada un niveis deste divertido xogo.
Snow Bros. Special conservará os elementos básicos do xogo orixinal, pero tamén incorpora novidades como o Monster Challenge, un modo no que poderemos encarnar a un monstro, ofrecendo así un xeito novo de achegarse a este clásico.
O xogo comercializarase tanto en dixital como en formato físico, sorprendendo esta última versión por incluír numerosos complementos, como un chaveiro, un libro de arte, as instrucións, un CD coa banda sonora, adhesivos e un par de bonecos de peluche. Chegará ás tendas este mesmo ano nunha data por anunciar.
O clásico Snow Bros. terá versión para Nintendo Switch
Compartir Este Artigo

