
Tras o éxito de Horizon Zero Dawn a súa secuela era inevitable, e hoxe é o seu día de lanzamento oficial, coa curiosidade de que Horizon Forbidden West será o derradeiro xogo que na súa versión para PlayStation 4 poida actualizarse de balde á versión para PlayStation 5 que custa 10 euros máis (os futuros xogos de Sony cobrarán por tal actualización).

A nova entrega das aventuras de Aloy sitúase 6 meses despois dos sucesos de Horizon Zero Dawn, nun momento no que unha praga vermella asfixia a terra e tormentas xigantes arrasan o ceo, o que leva á protagonista a afondar no Oeste Prohibido para atopar un xeito de impedir o cataclismo. Nestas novas terras haberá novas ameazas, compañeiros que axudarán a Aloy a sobrevivir e un segredo que mudará o seu mundo para sempre.

Esta produción de Guerrilla promete ser outro grande éxito, chegando ao mercado arroupado por moi boas críticas, que de xeito unánime apuntan a que estamos ante un título á altura da súa anterior entrega, aínda que estea lastrado polo feito de ser un xogo interxeracional, impresiona bo nivel que ten a súa versión para consolas da anterior xeración, demostrando que a PS4 é unha máquina que pode dar moito de si.
Tráiler da crítica de Horizon Forbidden West

