Nos últimos anos RØDE gañou peso entre os creadores de contido, e moi especialmente entre os podcasteiros, sen un dos seus produtos estrela a mesa de mesturas RØDECaster Pro, que vén de presentar a súa sucesora, que podemos ver como un paso adiante para converterse nun estudio de produción sonora máis completo, que poidan satisfacer a streamers, podcasters, músicos e moitos outros creadores de contido.
A RØDECaster Pro II é basicamente unha mesa de mesturas con preamplificadores de alta ganancia (ata 76 dB, polo que non precisaría de accesorios adicionais para empregar micrófonos como o célebre Shure SM7b) e un nivel de ruído ultra baixo de xeito que permite o uso de ata 4 micrófonos e instrumentos mediante XLR, ten 6 controladores de volume físicos (aínda que internamente pode xestionar ata 9 canles sonoras), inclúe 8 botóns programables (pensados principalmente para disparar sons pregravados, pero que tamén serven para aplicar efectos dun xeito áxil), permite integrar chamadas telefónicas mediante Bluetooth, coa dobre conexión USB-C pode conectarse a dous ordenadores ou dispositivos móbiles, permite facer gravacións multipista (ou estéreo) en tarxetas microSD, memorias USB ou ordenadores e incluso integra unha pantalla táctil de 5,5 polgadas. Incluso conta con Wi-Fi e Gigabit Ethernet, polo que confíase en que teña unha boa integración con outros equipos e dispositivos.
Este atractivo produto chegará ao mercado en tres semanas, sendo o seu prezo recomendado nos EE.UU. de 699 dólares (nalgunhas tendas europeas figura a 799 euros), o que é considerablemente máis caro que o modelo anterior, o que parece querer mandar a mensaxe de que estamos ante un produto máis ambicioso, que non se conforma con ser unha mesa de mesturas para podcasters, e pretende ofrecer máis posibilidades.
Vídeo de presentación da RØDECaster Pro II

