Aínda que os directos de Instagram oficialmente só se podían facer dende o móbil, non eran poucos os creadores de contido que realizan retransmisións especialmente traballadas que non podían aproveitar esta plataforma para comunicarse en vivo cos seus seareiros do mesmo xeito que a través de plataformas como YouTube ou Twitch, pero estas limitacións van ser cousa do pasado, xa que veñen de anunciar Instagram Live Producer, unha ferramenta que permitirá realizar directos a través de software especializado (como o popular OBS) a través dunha clave de transmisión.
Deste xeito os creadores de contido poderán facer directos sen ter que limitarse á cámara do smartphone, podendo integrar cámaras adicionais, micrófonos externos, gráficos e moitos outros elementos para levar os seus directos un chanzo arriba.
As retransmisións realizaranse en vídeo vertical cunha resolución de 720 x 1.280 píxeles a 30 imaxes por segundo ata a 6 Mbps con audio estéreo a 44,1 KHz ata a 256 Kbps, de xeito que permiten unha calidade máis que aceptable, na liña do que ofrecen o resto de plataformas de streaming de xeito xeral.
Dende o Live Producer, aparte de poder conseguir a clave de emisión, tamén será posible ler e responder os comentarios que se realicen durante a retransmisión en directo.
Aínda que a relación de aspecto dos vídeos en formato vertical non é obrigatoria, cómpre salientar que os vídeos recortaranse en formato 9:16, algo que hai que ter en conta, pois se introducimos un vídeo vertical a través da nosa aplicación de streaming favorita o vídeo recortarase aos lados, creando unha experiencia bastante deficiente agás que se teña este elemento en conta á hora de planificar a transmisión.
OBS e outras aplicacións semellantes serán compatibles con Instagram
Compartir Este Artigo

