Tras uns anos nos que as tarxetas gráficas eran un produto de elevada demanda por mor do minado de criptomoedas, a situación normalizouse, e hai esperanza de que a vindeira xeración de gráficas poida adquirirse con normalidade, de aí que resulte moi prometedora a presentación das novas tarxetas gráficas nVIDIA GeForce RTX serie 40.
Foi o director xeral de nVIDIA, Jensen Huang, o encargado de presentar os novos produtos da súa compañía, destacando que a intelixencia artificial está a ser a chave dos avances dos que se beneficiarán de xeito máis directo os xogadores e os creadores de contido.
O propio Huang aseguran que a nova xeración de gráficas GeForce RTX serie 40 con arquitectura nVIDIA Ada Lovelace supoñen «un salto cuántico» que prepara o terreos aos creadores para mundos totalmente simulados. Esta nova tecnoloxía fai uso da intelixencia artificial en funcións como o DLSS 3, que consegue mellorar o desempeño de xogos multiplicándoo por 4 en comparación coa interpretación gráfica baseada en forza bruta.
As primeiras gráficas de nova xeración en saír á venda serán as GeForce RTX 4090, que chegarán ao mercado o 12 de outubro con 24 GB de memoria e 16.384 núcleos CUDA a un prezo de 1.599 dólares; mentres que a GeForce RTX 4080 chegará en novembro con 16 GB de memoria e 9.728 núcleos CUDA por 1.199 dólares e con 12 GB de memoria e 7.680 núcleos CUDA por 899 dólares.
En liñas xerais as novas gráficas conseguen ata o dobre de rendemento e eficiencia enerxética en streaming, en trazado de raios e en intelixencia artificial, facendo que os gráficos ultra-realistas sexan cada vez máis populares; aínda que non só os xogos se benefician das posibilidades de procesamento destas tarxetas, que tamén teñen un grande impacto na creación de gráficos en 3D, na edición de vídeo e no deseño gráfico; integran un codificador de vídeo de 8ª xeración que permite facer retransmisións de vídeo de alta calidade compatible con codificación AV1; e permite aproveitar a intelixencia artificial para mellorar os directos de vídeo (con fondos virtuais, eliminación de ruído e outras melloras). Como exemplo destas posibilidades, aseguran que coas RTX serie 40 podemos empregar OBS Studio para gravar grandes vídeos de gameplay en 8K a 60 imaxes por segundo; mentres que os editores de vídeo poden realizar rotoscopias en DaVinci Resolve un 70% máis rápido que coas gráficas do ano pasado.
Vídeo coa presentación de nVIDIA

