Durante máis dunha década Electronic Arts utilizou Origin como plataforma para os seus xogos para PC, sen conseguir que esa marca gañase forza, polo que decidiron aparcala e pasarlle o relevo á nova EA app, unha aplicación para ordenadores persoais que vén de superar a súa fase de probas aberta e que en breve substituirá a Origin.
Esta nova aplicación será a plataforma principal para PC dos xogos de Electronic Arts, asegurando a compañía que é o seu cliente para PC máis rápido e lixeiro ata o momento, xa que no seu deseño buscaron a simplicidade, á vez que tamén conta con funcións como permitir as descargas automáticas de xogos e actualizacións en segundo plano, para que os xogos estean listos para xogarse cando se queiran.
Aínda que xa podemos descargar a nova aplicación, dende EA adiantan que van convidar en breve aos xogadores que actualmente empregan Origin para que muden de aplicación e así gozar de todos os contidos que tiñan previamente na nova aplicación.
Este cambio polo momento limítase a PC, ou sexa, que os usuarios de macOS deberán continuar a usar Origin para acceder aos seus xogos de EA.
EA renova o cliente dos seus xogos para PC
Compartir Este Artigo

