Nos últimos anos vemos como algunhas tecnoloxías van quedando aparcadas por mor do seu elevado consumo enerxético, e a aposta por un futuro sustentable pode impactar seriamente no mercado de impresoras, ou iso podemos entender do anuncio de Epson de finalizar a venda e distribución de impresoras láser en todo o mundo para 2026, asegurando que a tecnoloxía de impresión de tinta pode contribuír máis á sustentabilidade.
Epson leva tempo promocionando a impresión con «tecnoloxía sen calor», explicando que a tecnoloxía de inxección non precisa de calor para expulsar a tinta, o que consegue un menor consumo enerxético, mentres que a tecnoloxía de impresión mediante láser precisa quecer a tinta, o que supón un elevado consumo enerxético, que podemos comprobar claramente ao ver a etiqueta enerxética das impresoras no momento da súa compra. As impresoras de inxección tamén están libres de certas substitucións periódicas de elementos (tambor, correa e fusor) como acontece coas láser, polo que xeran menos refugallos.
Aínda que as impresoras de inxección de tinta están asociadas tradicionalmente a un elevado prezo dos seus consumibles, nos últimos anos a cousa mudou bastante grazas ás tecnoloxías de impresión sen cartuchos, que no caso de Epson corresponde á familia de impresoras EcoTank, que promete un aforro de ata o 90% en tinta.
Epson deixará de vender impresoras láser en 2026
Compartir Este Artigo

