O xogo de acción con aire retro TMNT: Shredder’s Revenge (A Vinganza do Desfibrador), que a mediados do ano pasado estreou versións para PC, Nintendo Switch, PS4 e Xbox One como tributo aos xogos de recreativa das Tartarugas Mutantes baseados na serie de animación de 1987 que botaran no seu día na Galega, vén de estrear unha versión para móbiles de man de Netflix, de xeito que os subscritores da plataforma de streaming poden facer con este divertido xogo sen custo adicional.
Esta versión para móbiles ofrece a esencia do xogo, pero adapta o seu sistema de control á pantalla táctil dos dispositivos móbiles (aínda que tamén é compatible con mandos Bluetooth), facendo así máis doado lanzar os ataques cos que Leonardo, Raphael, Michelangelo, Donatello, April e o mestre Acha derrotarán a unha chea de inimigos clásicos entre os que non fallan Bebop, Rocksteady, o Desfibrador, Baxter Stockman ou o Triceratón.
Todo un imprescindible para os que gozaban dos salóns recreativos nos anos 80 e 90 e foron vítima da febre polas Tartarugas Mutantes que se desencadeou en 1990 coincidindo co seu salto á grande pantalla.
Netflix ofrece aos seus subscritores o último xogo das Tartarugas Mutantes
Compartir Este Artigo

