O fabricante británico Bullitt Group desenvolveu en colaboración con Motorola Mobility un novo dispositivo que vai amosar os vindeiros días no Mobile World Congress de Barcelona, que consiste nunha especie de chaveiro que pode conectarse por Bluetooth ao noso smartphone para facilitarlle o uso da mensaxería por satélite, para non quedarmos incomunicados en lugares onde non hai cobertura de redes móbiles (como lugares afastados).
O Motorola Defy Satellite Link establece comunicacións por satélite de xeito bidireccional, para o que é preciso contratar tamén o servizo Bullitt Satellite Messenger, que destaca por ser compatible con móbiles con iOS e Android a través da aplicación oficial da compañía (ou sexa, que non precisa da adquisición dun móbil de alta gama de nova xeración). Este accesorio tamén serve para compartir a localización e enviar mensaxes de socorro. É un produto moi resistente (ten certificación IP68 e MIL SPEC 810H), integra unha batería de 600 mAh, ten unhas dimensións de 70 x 50 x 11 milímetros e pesa 70 gramos.
O Motorola Defy Satellite Link comercializarase internacionalmente a partir de abril de 2023 a un prezo de 119 euros, aínda que resulta máis axeitado mercalo por 169 euros incluíndo 1 ano de subscrición ao servizo básico de mensaxería (que permite ata 30 mensaxes ao mes).
Un accesorio achegará mensaxería por satélite ao noso smartphone
Compartir Este Artigo

