Nas últimas semanas soubemos que as principais compañías do sector do videoxogo non ía ter unha presenza oficial no Centro de Convencións de Los Angeles onde se celebraría a feira E3 no mes de xuño, polo que o retorno do evento a un formato presencial puro parecía perigar, en boa medida porque a meirande das compañías consolidou os seus formatos en liña para realizar os seus grandes anuncios de xeito independente (sen ter que competir pola atención do público e os medios), e finalmente a Entertainment Software Association tivo que renderse á evidencia e na páxina web oficial do E3 publicaron unha mensaxe anunciando a cancelación total da feira, tanto en formato físico como dixital.
Aseguran que van avaliar o futuro desta cita, pero resulta evidente que sen a presenza dos xigantes do sector un grande evento non é economicamente sustentable, e a presenza nun evento presencial deste tipo resulta cada vez máis difícil de xustificar economicamente.
Cómpre salientar que a cancelación da feira en 2020 e 2021 por mor da COVID-19 non parece ser a causa desta crise, xa que a feira levaba perdendo pulo moitos anos, e as grandes compañía tamén levaban varias edicións reducindo paulatinamente a súa presenza en favor a eventos de seu. Que en 2022 non se puidese realizar unha edición presencial do E3 xa era un sinal das dificultades que existían para recuperar o evento, e agora constátase que a situación podería ser crítica, e parece bastante probable que a meirande feira de videoxogos do mundo no volva celebrarse nunca máis.
A feira de videoxogos E3 cancélase por 4º ano consecutivo
Compartir Este Artigo

