As limitacións técnicas da Nintendo Switch, pese ao seu rotundo éxito, fixo que levemos moito tempo con rumores sobre a súa sucesora, e fontes próximas ao seu desenvolvemento aseguran que a nova consola chegará na segunda metade de 2024, o que garantiría que a nova máquina tivese existencias dabondo para non padecer os problemas de desabastecemento que tiveron as últimas PlayStation e Xbox.
Entre as informacións que se comentan sobre a nova consola está que, de lanzamento, a consola chegaría cunha pantalla LCD en vez de OLED, para así poder axustar prezos. Tamén mantería a posibilidade de cargarlle xogos en cartucho, aínda que polo momento non poden concretar se as consolas serán retrocompatibles.
Cómpre salientar que a Nintendo Switch xa leva máis de 6 anos no mercado, e xa prevén que este ano caian de xeito importante as vendas de consolas, polo que había voces que apuntaban a que a nova Switch podería chegar ao mercado este mesmo ano (de cara á campaña de Nadal), pero ten sentido que a posible Switch 2 non chegue ao mercado ata o ano que vén, xa que para os vindeiros meses xa hai bastantes lanzamentos previstos para Switch, consola que non parece querer perder o punto ata o último momento.
A sucesora da Nintendo Switch podería chegar en 2024
Compartir Este Artigo

