Nos últimos anos puidemos ver como a marca chinesa Huawei pasou de ser líder a nivel mundial a resultar practicamente invisible para o mercado español en consecuencia a quedar sen acceso oficial aos servizos de Google e á tecnoloxía 5G pro mor de sancións dos EE.UU., pero daba a impresión de que a que fora a súa marca secundaria, Honor, podería conseguir raspiñar parte do seu público mantendo a súa liña de deseño e as súas boas prestacións, pero non parece que estea a ser así en España, onde a marca non parece estar a conseguir unha boa presenza.
Dende ADSLzone están a dar conta do estrepitoso fracaso de Honor en España, que aseguran que ten un 0% de presenza no mercado de móbiles de gama alta e premium (pese a contar con grandes móbiles como o Honor Magic5 Pro), limitando a súa presenza practicamente a móbiles de gama baixa, principalmente distribuídos a través do Grupo MásMóvil e de Orange, e precisamente o seu móbil máis vendido sería o Honor X6, un terminal xa descatalogado, do que é sucesor o Honor X7, que actualmente está á venda por 139 euros, deixando claro que a marca só consegue colocar produtos que carecen de marxe de beneficio.
No mercado de móbiles adquiridos fóra de operador temos que Honor nin sequera chega a vender un 0,1% das vendas, polo que é unha marca invisible, pese a realizar campañas publicitarias, o que sorprende, xa que outras marcas que teñen un volume de vendas moi superior carecen completamente de promoción no noso territorio.
Tamén apuntan a que un dos grandes problemas da marca en España sería culpa dos seus responsables de márketing, que destinarían os recursos económicos en campañas que parece máis dirixidas a beneficiar a amigos e familiares que á marca que deberían promocionar.
Resulta bastante desafortunada a situación, xa que actualmente Honor é un dos fabricantes de móbiles que conta con terminais máis interesantes, herdando a tecnoloxía de Huawei, pero que non conta co seu músculo comercial.
Honor fracasa rotundamente en España
Compartir Este Artigo

