Dende Meta continúan a mellorar certas funcións de Meta Quest claramente inspirados na proposta de Apple coas súas Vision Pro, e boa mostra diso é a presentación hoxe mesmo do Modo Viaxe para Meta Quest 2 e 3, que vén a ser un modo de funcionamento do visor de realidade estendida pensado para o seu uso principalmente en avións, de xeito que durante unha viaxe será posible ver películas nunha pantalla xigante virtual, gozar dun videoxogo ou incluso traballar de xeito privado.
Este modo de funcionamento aínda en probas é capaz de adaptarse aos movementos do avión para que o resto de sensores do visor rexistren axeitadamente a posición e o movemento, estando previsto que no futuro se adapte a máis medios de transporte (como o ferrocarril).
Esta novidade chega da man de Lufthansa, compañía que a partir do verán vai ofrecer aos pasaxeiros de clase business dalgúns voos seleccionados a posibilidade de gozar dun visor Meta Quest 3 para ver películas e series de televisión, reproducir contidos inmersivos, descubrir destinos de viaxe a vista de paxaro, empregar xogos interactivos ou incluso realizar exercicios de meditación.
As Meta Quest adáptanse ás viaxes en avión
Compartir Este Artigo

