Esta fin de semana as instalacións de EXPOCoruña acollen unha nova edición de ExpOtaku, evento no que se mesturan as culturas do anime, do cosplay e dos videoxogos, para que os afeccionados poidan gozar ata o domingo ás oito da tarde dunha chea de actividades, vivir experiencias con outras persoas coas que comparten intereses, e descubrir tamén expresións artísticas, disciplinas artesanais e incluso aplicacións da tecnoloxía a estes ámbitos.
ExpOtaku conta con 5.500 metros cadrados reservados para 150 expositores e outros espazos nos que están a repartirse unhas 260 actividades que se adaptan aos variados intereses dos afeccionados á cultura nipoa (e semellantes).
Cómpre salientar a presenza de CESUGA nunha zona de deseño e desenvolvemento de videoxogos; un espazo organizado pola comunidade Ociorum que permite gozar libremente de videoxogos retro de consolas como a Nintendo 64, a PS2, a Dreamcast ou a Super Nintendo; están presentes unha boa mostra de desenvolvedores de videoxogos independentes; por parte de Project Droid teremos actividades relativas ao mundo da robótica; dende XPPen tamén realizan demostracións e obradoiros sobre o uso das súas populares tabletas gráficas (contando incluso coa presenza do ilustrador Juanjo López); e tampouco faltan as zonas de xogos libre a consolas actuais e os torneos de videoxogos.
Entre as actividades do sábado podemos salientar que ás 12:00 e ás 17:00 presentaranse os xogos desenvolvidos polos alumnos de FP de animación 3D, videoxogos e contornos interactivos; mentres que o domingo ás 17:00 o portadista de DC Comics Juanjo López impartirá un obradoiro de ilustración dixital.

