No mes de maio Microsoft sorprendeu anunciando o peche de 4 estudios de videoxogos que pertencían a Bethesda, sendo especialmente rechamante o caso de Tango Gameworks, por ser os responsables dun par de títulos con grande acollida (Hi-Fi Rush e The Evil Within); pero hoxe a surcoreana Krafton (responsable de PUBG: Battlegrounds) sorprende anunciando a adquisición dos dereitos de Hi-Fi Rush.
Esta compra non se limita a facerse co control do aclamado e premiado videoxogo de cara a entregas futuras, senón que pretenden colaborar con Xbox e ZeniMax para manter o estudio xaponés Tango Gameworks, ou sexa, que a compra dunha marca traduciuse na práctica na resurrección dun estudio de videoxogos que xa se daba por desaparecido.
Dende Krafton queren deixar claro que esta operación non afectará de ningún xeito aos xogos actuais do estudio (Hi-Fi Rush, The Evil Within, The Evil Within 2 e Ghostwire: Tokyo).
Krafton rescata o estudio de videoxogos Tango Gameworks
Compartir Este Artigo

