A tenda de videoxogos Steam está a estrear unha revisión dun dos grandes clásicos para ZX Spectrum, Head Over Heels: Deluxe, que ata o 12 de marzo ten un prezo promocional de 11,09 euros, e vén a ser unha versión do clásico de Jon Ritman (a quen tamén debemos xogos como Batman e Match Day II) incorporando unha nutrida paleta de cores e unha xogabilidade refinada, que se desenvolveu para tirar proveito das posibilidades do ZX Spectrum Next, ordenador que aspira a ser o sucesor do Spectrum, que ten previsto volver a Kickstarter en breve para poder chegar a un público máis amplo.
Coa chegada do xogo a Steam os usuarios de PC tamén poden gozar desta xoia protagonizada por Headus Mouthion (Head) e Footus Underium (Heels) que colaboran para superar numerosos obstáculos e quebracabezas en numerosos escenarios en perspectiva isométrica.
Esta nova versión de Head Over Heels conta con puntos de gardado, 3 niveis de dificultade e velocidade de xogo seleccionable, facéndose moito máis accesible para os xogadores actuais, á vez que tamén inclúe novos inimigos e obxectos e incluso un novo mundo completo, polo que os que gozaron do xogo no pasado teñen unha boa desculpa para darlle unha nova oportunidade.
Head Over Heels estrea versión Deluxe para PC
Compartir Este Artigo

