O chatbot Grok, desenvolvido pola empresa de intelixencia artificial xAI (propiedade de Elon Musk) e integrado na rede social X (tamén propiedade de Musk), experimentou durante o pasado mércores un comportamento estraño: en múltiples respostas a temas non relacionados, sacou a colación a teoría da “xenocidio branco” en Suráfrica.
En respostas a temas diversos Grok comezaba respondendo con normalidade pero acababa desviando o contido cara a discursos sobre violencia contra brancos en Suráfrica, moitas veces facendo referencia á polémica canción «Kill the Boer». A palabra boer refírese a persoas de orixe neerlandesa, alemá ou hugonote en Suráfrica, e en ocasións é empregada de xeito despectivo, especialmente en referencia ao pasado do réxime do apartheid.
Curiosamente, ao preguntarlle a Grok directamente sobre tal materia, a resposta mudaba cualificando a teoría da “xenocidio branco” como unha “teoría da conspiración desacreditada”, contradicindo así as súas respostas anteriores.
O feito de que Musk sexa de Suráfrica fai pensar que estamos ante un fallo provocado por unha manipulación de Grok para introducirlle un nesgo racista que ignore a realidade fronte a teorías da conspiración interesadas, o que debería facernos reflexionar sobre a fiabilidade que teñen os sistemas de IA á hora de facilitar respostas ás nosas consultas, xa que son tan manipulables como outras fontes, polo que temos que manter sempre o noso sentido crítico.
ACTUALIZACIÓN (16-5-2025): Dende xAI publicaron unha deficiente explicación sobre o acontecido, asegurando que foi consecuencia cunha «modificación non autorizada» e que a partir de agora publicarán en GitHub as ordes que lle dan a Grok para unha maior transparencia.
