Fortnite volve sorprender coa reaparición dun dos viláns máis emblemáticos do cinema: Darth Vader. O personaxe da saga Star Wars regresa como xefe en Battle Royale, substituíndo á versión samurai, e faino cunha novidade sen precedentes: agora é posible falar con el usando a voz e recibir respostas xeradas por intelixencia artificial.
Esta funcionalidade experimental permite aos xogadores planear estratexias co Lord Sith mediante comandos de voz. Vader responde a calquera pregunta sobre a Forza, o Imperio Galáctico ou tácticas para alcanzar o último círculo da tormenta. Para activalo, abonda con premer o botón especial que aparece na pantalla cando está dispoñible.
Epic Games explica que esta opción é posible grazas aos modelos de IA Gemini 2.0 Flash de Google e Flash v2.5 de ElevenLabs. A voz que emprega Vader nesta versión está baseada na de James Earl Jones, quen lle deu identidade sonora nas películas orixinais e cuxo legado permanece vivo grazas á colaboración da súa familia.
Nun comunicado, os seus achegados lembran que «para James Earl, a voz de Darth Vader non podía separarse da historia de Star Wars» e amosan o seu desexo de que fans de todas as idades poidan seguir gozando da experiencia. Agardan que esta colaboración con Fortnite axude a manter viva a esencia do personaxe.
Cómpre salientar que este tipo de iniciativas non están libres risco e, por exemplo, ao pouco de estrearse a síntese de voz de Darth Vader en Fortnite houbo usuarios que conseguiron que dixese groserías, aínda que os responsables do xogo rapidamente implementaron medidas para evitar ese tipo de comentarios.
Darth Vader regresa a Fortnite con voz xerada por IA
Compartir Este Artigo

