Nothing presentou os seus novos auriculares sen fíos Ear (3), que chegan ao mercado con melloras substanciais no son, na cancelación de ruído e no deseño. Estarán dispoñible en branco e negro a partir do 8 de outubro a un prezo de 179 euros.
En materia de audio, os Ear (3) incorporan un transdutor dinámico mellorado de 12 mm, con graves ata un 6 % máis potentes e agudos un 4 % máis brillantes que a xeración anterior.
Ademais, ofrecen compatibilidade con LDAC Hi-Res de 24 bits e tecnoloxías como Static Spatial Audio, que crea un escenario sonoro tridimensional, e Dynamic Bass Enhancement, que amplifica en tempo real as frecuencias máis baixas.
A cancelación de ruído adaptativa analiza o entorno cada 600 milisegundos para axustar automaticamente a experiencia de escoita chegando a suprimir ata 45 dB de ruído. Cando se precisa maior atención ao exterior, o modo transparencia permite escoitar o que acontece arredor.
En termos de autonomía, cada auricular integra unha batería de 55 mAh que garante ata 5,5 horas de reprodución con cancelación activa activada.
O estoxo, fabricado con aluminio reciclado e carga sen fíos, eleva a duración total ata 38 horas. Cunha carga rápida de dez minutos por USB-C é posible obter ata dez horas de uso adicional.
O deseño dos novos auriculares mantén a estética transparente característica da marca, reforzada cunha antena de metal pulido que mellora a recepción. A ergonomía tamén foi optimizada tras múltiples probas, cun axuste cómodo e estable. Os auriculares e o estoxo contan ademais con certificación IP54 contra auga e po.
Os Nothing Ear (3) inclúen funcións como emparellamento rápido en Android e Windows, personalización a través da aplicación Nothing X e compatibilidade con asistentes de voz.
Super Mic: o estoxo con micrófono
Pero un dos elementos máis destacados destes auriculares é o sistema Super Mic, integrado no estoxo de carga, que permite captar a voz do usuario e reducir o ruído ambiental ata 95 dB. Deste xeito, chamadas e notas de voz poden manter unha claridade case total, mesmo en contornos ruidosos, xa que o micrófono pode achegarse á boca do usuario, conseguindo unha recepción moi superior á dun micrófono situado á altura da orella. Esta función pode ser moi ben recibida por certo tipo de usuario afeito a falar directamente ao micrófono inferior do móbil, que así pode trasladar o hábito aos auriculares sen fíos.
Vídeo promocional dos Nothing Ear (3)

