Blackmagic Design anunciou unha actualización importante da súa aplicación gratuíta Blackmagic Camera que facilita as retransmisións en directo tanto para creadores de contido como para profesionais da emisión audiovisual. A nova versión, dispoñible para Android e iOS, permite agora transmitir directamente a plataformas como YouTube, Twitch e Vimeo, sen necesidade de empregar aplicacións de terceiros nin dispositivos externos de codificación.
Para comezar unha emisión, o usuario só ten que seleccionar a plataforma desexada e introducir a súa chave de transmisión segura. Durante o directo, a aplicación mantén dispoñibles todos os controis habituais da cámara, o que permite axustar parámetros como a exposición, o enfoque ou o balance de brancos en tempo real, sen interromper a emisión.
Outra das novidades destacadas é a incorporación do protocolo SRT, cada vez máis habitual no ámbito profesional pola súa capacidade para ofrecer unha transmisión de alta calidade incluso en redes con conexións inestables. A aplicación móbil tamén permite agora configurar servidores RTMP e SRT personalizados, ofrecendo máis opcións a quen prefira empregar infraestruturas propias ou plataformas alternativas ás tres principais.
A actualización inclúe tamén melloras de fiabilidade e control, como alertas instantáneas cando se desconecta un disco externo, co fin de evitar perdas de datos ao traballar con ficheiros Apple ProRes de alta resolución e altas taxas de fotogramas, que o iPhone non pode gardar internamente.
Por último, engádese unha opción para seleccionar o número de ángulos en modo multivista durante o seguimento de cámaras remotas, o que permite personalizar a disposición das distintas fontes de vídeo en pantallas máis grandes, como as do iPad ou do Mac.
A aplicación Blackmagic Camera permite realizar directos en YouTube, Vimeo e Twitch
Compartir Este Artigo

