Ata 1.800 fogares de 16 concellos da provincia de Lugo estrearon fibra óptica en seis meses. Trátase de familias que viven, sobre todo, en áreas rurais, peor comunicadas e con maiores necesidades de conectividade. Son datos achegados pola operadora Adamo, que executou a implantación desa tecnoloxía entre abril e setembro seguindo o mapa de despregadura fixado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Así mesmo, a empresa de telecomunicacións continúa estendendo a súa rede na provincia, onde xa fornece de conexión en 123.000 vivendas. Ademais, Adamo destaca que xa é “a operadora de referencia no ámbito rural” ao estar presente en 60 dos 67 concellos que conforman o territorio lucense (case o 90% dos mesmos).
En concreto, a infraestrutura chegou ao Corgo (con 430 domicilios que accederon a fibra óptica), Láncara (máis de 350 inmobles), Friol (superando os 250), As Nogais (170), Pedrafita do Cebreiro (160), A Pobra do Brollón (130) e Baralla, con 85 familias que hoxe poden gozar deste soporte proporcionado por Adamo.
Tamén se engadiron á rede da compañía Paradela (con 45 vivendas), Monforte de Lemos (35), O Saviñao (30) e Muras, Chantada, Ribas de Sil, Cervantes, A Fonsagrada e Meira, todos por enriba da vintena de familias que quedaron conectadas ao mundo a través de Adamo ao longo do citado semestre.
Cabe lembrar que Adamo desprega conexión ultrarrápida -de ata 1 Gb-, a mesma velocidade máxima habitual de conexión que pode atoparse en calquera urbe principal. “Así que agora é posible navegar por Internet coa mesma axilidade en Barcelona, en Madrid… e en 1.800 vivendas máis de Lugo”, explican dende a operadora, engadindo que “a mellora nas comunicacións que levamos a cabo na provincia entre abril e setembro supón un elemento clave para facer fronte ao despoboamento, é dicir, que a fibra óptica ponlle freo ao éxodo da mocidade cara ás cidades”.
Ademais de axudar contra este fenómeno, esa tecnoloxía permite realizar con garantías actividades hoxe habituais: teletraballo, educación en liña, compras por Internet, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras vantaxes.
1.800 familias do ámbito rural de Lugo accederon a fibra óptica de Adamo en seis meses
Compartir Este Artigo

