A planta de chips fotónicos de SPARC, que situará a Vigo á fronte do Estado neste novo sector industrial (onde será a primeira de toda España centrada nesta nova tecnoloxía), xa é unha realidade. Este venres 30 de xaneiro comezaron as obras na parcela do Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL) co simbólico acto de colocación da primeira pedra. As obras arrincaron co obxectivo de xerar xa ata 20.000 obleas ao ano (cada oblea vén con 60 chips). O fito deste 30 de xaneiro chega case cinco anos despois que a Universidade de Vigo e Zona Franca presentasen a fondos europeos de recuperación Next Generation un proxecto para instalar en Vigo unha fábrica de circuítos fotónicos e un laboratorio de I+D.
No acto participaron o ministro para a Transformación Dixital do Gobierno de España, Óscar López; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco; a senadora e primeira tenente de alcalde Carmela Silva, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o delegado do Estado no CZFV, David Regades, entre outras autoridades e representacións empresariais e sociais. Tamén asistiron os socios de SPARC, entre eles os seus principais accionistas co CTO de Indra, Manuel Escalante; o director técnico da SETT, Guillermo Gómez; e o director de Vigo Activo, de Zona Franca, Samuel Méndez; ademais de Francisco Díaz, director executivo (CEO) de SPARC.
O ministro Óscar López sinalou que “SPARC fará de Vigo unha das xoias da coroa da revolución dixital española” e que en Vigo “estamos a ver un proxecto como este que representa o renacemento industrial de todo un país. Este acto teno todo, dixo, ten futuro, ten ciencia, ten colaboración publico privada, ten colaboración entre administracións, ten transformación dixital, ten industria, e ten reindustrialización dun país aproveitando a transformación dixital”, sinalou.
López lembrou que cando Europa descubriu que necesitaba reforzar a súa soberanía tecnolóxica e que un dos sectores clave era o deseño e produción de chips e semiconductores, España dixo que dentro diso quería especializarse en fotónica. Mañá é hoxe”, concluíu en galego”.
David Regades, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, afirmou que “hoxe é un día moi importante para a independencia tecnolóxica de Europa e facémolo desde o Consorcio cunha nova industria e unha nova tecnoloxía que está a nacer no mundo e que en Europa faino da man de Francia, Alemaña e España desde Vigo”.
O delegado anunciou que “xa este ano máis de 25 traballadores da planta de chips fotónicos están a desenvolver os sistemas e a forma de produción e o ano que vén cando empecemos a fabricar as primeiras obleas fotónicas estarán máis de 200 persoas directas traballando nesta planta”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu o liderado de Vigo e da Zona Franca no proceso de SPARC e ao ministro Óscar López o papel que tivo para convencer aos socios de que España e Vigo eran idóneos para o emprazamento da fábrica. Caballero asegurou que a chegada de SPARC marca un fito para a cidade: “Hai vinte anos non o podiamos imaxinar e este proxecto é un empeño do delegado de Zona Franca, David Regades”. O alcalde tamén aplaudiu a entrada de Indra Group e a SETT na sociedade de SPARC e equiparou o proxecto coa chegada de Citroën a Vigo.
Previamente, o primeira tenente de alcalde e senadora Carmela Silva foi a encargada de abrir o acto destacando que SPARC sitúase nun dos sectores máis estratéxicos da economía actual. “E faino desde Vigo reforzando o sistema tecnolóxico industrial de España. Falamos de industria de alto valor engadido, dun proxecto xerado no ámbito da investigación na Universidade de Vigo, e do encontro deste talento universitario coa Zona Franca de Vigo”, remarcou.
O reitor da UVigo explicou que “este é un proxecto no que se leva traballando moito tempo e que contén todos os elementos que nos fan felices: colaboración entre institucións, entre a academia e o mundo empresarial, público-privada, e que ademais está facendo que a alta tecnoloxía se implante en Vigo, que seguramente será o nacemento dunha liña industrial moi importante, moi de futuro”.
Manuel Escalante, CTO de Indra, destacou que “a fábrica de chips sitúa a Vigo no podio de iniciativas europeas que buscan garantir a soberanía tecnolóxica nun ámbito crítico para os sectores de defensa e aeroespacial”.
Pola súa banda, Guillermo Gómez, director técnico da SETT, apuntou que “SPARC supón unha oportunidade única para liderar a industria de fabricación de tecnolóxicas fotónicas, especialmente en eidos onde aínda non hai un polo de referencia europeo, como por exemplo en Nitruro de Galio para aplicacións de radiofrecuencia”.
A planta de semiconductores fotónicos de Vigo será unha fábrica de última xeración, dotada de enerxías alternativas e da tecnoloxía máis punteira, engadiron, coincidindo en sinalar SPARC como “un proxecto claramente estratéxico e singular a nivel europeo tamén polo desenvolvemento e a transferencia tecnolóxica que chegará ao mercado, con impacto real na sociedade e que no caso de Vigo vai servir para redefinir a economía da cidade pola súa innovación, valor engadido e revolución tecnolóxica”.
Os semi-condutores III-V son materiais que se poden utilizar para realizar fontes de luz moi compactas e eficientes, o que permitirá que SPARC teña a capacidade para dirixirse a unha gran base de clientes nunha ampla gama de mercados diferentes, incluídas as comunicacións ópticas, as pantallas, a iluminación, a industria aeroespacial, a automoción, a biomedicina, a detección e as tecnoloxías cuánticas, así como as tecnoloxías de alta velocidade ou aplicacións electrónicas de alta potencia.
Arrincan en Vigo as obras da planta de semicondutores fotónicos do Proxecto SPARC
Compartir Este Artigo

