Nos últimos anos as cámaras compactas de alta gama están a vivir un bo momento glorioso, con modelos como a Ricoh GR IV e a Fujifilm X100VI que, pese aos seus elevados prezos, son difíciles de mercar dada a súa elevada demanda. Aproveitando esa tendencia, co gallo da celebración do 30º aniversario da liña de cámaras compactas de PowerShot, Canon decidiu lanzar unha edición limitada da Canon PowerShot G7 X Mark III, que previsiblemente será todo un éxito de vendas, e que xa está dispoñible en reserva en España a un prezo de 949,99 euros coa previsión de que chegue aos compradores a partir do vindeiro 23 de abril.
Estamos ante unha cámara que dista moito do que ofrecían as primeiras PowerShot, pois permite captar imaxes de 20,1 Mpíxeles a través do seu sensor CMOS empillado dunha polgada, ten un obxectivo grande angular (24mm) cun zoom de 4,2x, pode gravar vídeo 4K, ofrece cámara lenta a 120 imaxes por segundo en Full HD, conta cunha pantalla táctil abatible de 3 polgadas, integra flash retráctil, ofrece conectividade Bluetooth e Wi-Fi coa posibilidade de transmitir en directo a través de YouTube e incluso conta con saída micro HDMI e entrada de micrófono, polo que estamos ante un produto moi axeitado para creadores de contido.
A propia marca promociona este tipo de cámaras como un dispositivo que pode levarse no peto e serve para crear contidos impresionantes para Instagram ou TikTok, conseguindo boas tomas en escenarios nos que smartphone non é capaz (como contornos pouco iluminados).
Queda agora por ver se Canon conseguirá que esta cámara capte tanta atención como os modelos equivalentes dos seus competidores máis directos.
Canon celebra os 30 anos da liña PowerShot cunha edición limitada da G7 X Mark III
Compartir Este Artigo

