A Deputación de Pontevedra leva este domingo 8 de febreiro o circuíto +Escénicas ao concello de Meis da man do espectáculo de humor Enredada, a cargo de Leti da Taberna. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O monólogo de humor Enredada representarase no Auditorio Municipal de Meis ás 18:00 horas. Nel, Leti da Taberna explorará a relación das persoas coas redes sociais e como estas inflúen no día a día. A propia Leticia Miraz, taberneira “de nacemento” e con formación sociosanitaria, fíxose popular a raíz de comezar a publicar contidos en TikTok. O obxectivo deste espectáculo é provocar que os espectadores se vexan reflectidos coas situacións que presenta para que acaben rindo de si mesmos.
Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
Recala en Meis este domingo o monólogo sobre as redes sociais de Leti da Taberna
Compartir Este Artigo

