Sony presentou a RX10 V, a quinta xeración da súa familia de cámaras compactas de altas prestacións (que levaba 9 anos sen actualizarse), un modelo que mantén a filosofía de integrar nun único corpo un obxectivo de gran alcance e incorpora tecnoloxías procedentes da gama Alpha para mellorar o enfoque automático, o seguimento de suxeitos e a gravación de vídeo.
A cámara equipa un obxectivo ZEISS Vario-Sonnar T de 24-600 milímetros con apertura F2.4-4.0 (zoom óptico de 25 aumentos), estabilización óptica e capacidade de enfoque macro desde apenas 3 centímetros na posición angular. O sensor Exmor RS CMOS empillado de tipo 1 polgada e 20,1 megapíxeles efectivos, combinado co procesador BIONZ XR, permite capturar imaxes con baixo nivel de ruído e vídeo 4K ata 120 fotogramas por segundo, ademais de ofrecer un desenfoque natural do fondo grazas ao tamaño do sensor e á luminosidade da óptica.
Un dos principais avances da RX10 V é a incorporación dunha unidade de procesamento con IA para o sistema de enfoque automático con recoñecemento en tempo real. Esta tecnoloxía identifica automaticamente persoas, animais, aves, insectos, automóbiles, trens e avións, mantendo o enfoque incluso cando os suxeitos cambian de posición ou levan elementos como cascos ou lentes de sol. Tamén incorpora seguimento en tempo real mediante selección táctil.
O rendemento tamén mellora coa captura continua de ata 30 fotogramas por segundo sen escurecemento do visor e cunha velocidade de ata 60 cálculos de enfoque e exposición por segundo, o que facilita fotografar escenas de acción, deportes ou fauna salvaxe. Ademais, inclúe unha función para incrementar a velocidade de disparo durante unha secuencia.
As prestacións de vídeo inclúen gravación 4K a 120 fps, estabilización Active Mode para reducir as vibracións durante a gravación a man, perfís S-Cinetone e S-Log3, compatibilidade con LUT personalizadas e unha función Auto Framing baseada en IA que mantén automaticamente o suxeito encadrado durante a gravación. A zapata Multi Interface permite conectar micrófonos compatibles con transmisión de audio dixital.
Sony tamén renovou a ergonomía tomando como referencia as cámaras Alpha. A RX10 V incorpora un visor electrónico OLED Quad-VGA de 3,68 millóns de puntos con ampliación de 0,78x e unha pantalla LCD traseira de 3 polgadas con 1,62 millóns de puntos. O deseño inclúe unha empuñadura revisada e un selector multidireccional de oito direccións para facilitar o manexo.
A autonomía aumenta de forma significativa grazas á batería NP-FZ100, que permite realizar aproximadamente 630 fotografías por carga, arredor dun 50 % máis que o modelo anterior. O equipo conta tamén con resistencia ao po e á humidade, conectividade Wi-Fi de 2,4 e 5 GHz, porto USB-C para transferencia de datos e emisión en directo en 4K a 30 fps, ademais de integración coa aplicación Creators” App para controlar a cámara desde o teléfono móbil, actualizar o firmware e transferir fotografías e vídeos.
A Sony RX10 V xa figura na tenda oficial española cun prezo de 2.499 euros (que pode parecer moi elevado, pero cómpre salientar que o modelo da anterior xeración, pese a ter xa 9 anos, aínda pode atoparse nas tendas a 1.999 euros, polo que nun primeiro momento era de esperar un prezo nesta liña) e os primeiros envíos están previstos para o 17 de xullo.
Vídeo de presentación da cámara Sony RX10 V
