O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou a aposta do Goberno galego polas redes intelixentes, a intelixencia artificial e a ciberseguridade como piares estratéxicos para consolidar Galicia como un territorio máis accesible, conectado e competitivo, no que a tecnoloxía contribúa a reducir desigualdades e a achegar servizos á cidadanía.
«Desde o Goberno galego estamos comprometidos co desenvolvemento e a implantación das novas tecnoloxías para situar a nosa comunidade e, por conseguinte, ao tecido empresarial galego, como referente neste ámbito», afirmou durante a inauguración do foro Conectar Galicia para competir, organizado por Prensa Ibérica e Vodafone.
Neste contexto, referiuse á Estratexia Galicia Dixital 2030, orientada a impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes como o internet das cousas ou a economía do dato, adaptándoas ás características e necesidades de Galicia, da cidadanía e dos sectores estratéxicos.
Corgos lembrou tamén que a Xunta foi a primeira administración autonómica en crear unha estrutura de colaboración público-privada para afrontar os retos da ciberseguridade mediante o Nodo CIBER.gal, integrado por máis de medio cento de empresas galegas, ademais de concellos, deputacións, o Centro Criptolóxico Nacional, o Instituto Nacional de Ciberseguridade, as universidades e centros de investigación.
«E traballamos para dispor das mellores instalacións para esa especialización, como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que estamos a concluír en Ourense», engadiu. Tamén destacou a recente posta en marcha do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade da Xunta, especializado en produtos con elementos dixitais e na protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte aos riscos dixitais.
O titular de Facenda e Administración Pública subliñou ademais que a Xunta continuará aproveitando o potencial da intelixencia artificial para reforzar a competitividade empresarial e mellorar o benestar da cidadanía.
Entre as iniciativas xa en funcionamento citou a Rede Galega do Internet das Cousas, que permite a instalación de ata 300.000 sensores para o control de caudais, medicións ambientais ou fluxos de persoas; a Plataforma Agroforestal de Galicia, destinada a facilitar o traballo de agricultores, gandeiros e silvicultores; e a Plataforma Galega de Mobilidade 4.0, orientada a optimizar o transporte público.
Segundo explicou, a Administración autonómica xa emprega esta tecnoloxía en numerosas áreas para interpretar probas radiolóxicas no ámbito sanitario, automatizar trámites administrativos, monitorizar o benestar e a saúde de persoas maiores ou con discapacidade e conectar a oferta e a demanda de emprego en función dos perfís profesionais.
En relación co apoio á economía galega, destacou que o Programa Galego de Intelixencia Artificial 2026-2028 inclúe distintas liñas de actuación para impulsar o talento investigador, reforzar os grupos e centros de investigación do Sistema Universitario Galego e favorecer o emprendemento especializado.
Miguel Corgos concluíu a súa intervención reafirmando o compromiso da Xunta de seguir fortalecendo a colaboración entre o sector público e o privado co obxectivo de avanzar cara a unha Galicia cada vez máis conectada e competitiva.
Galicia aposta polas redes intelixentes, a IA e a ciberseguridade
Compartir Este Artigo
